Monday 20 de May de 2024

Causas Comúns organiza este sábado en San Sadurniño unha velada solidaria coas persoas refuxiadas


Causas Comúns é unha asociación sen fins de lucro impulsada en 2012 polo fotógrafo Gabriel Tizón co obxectivo de servir de punto de encontro para distintas disciplinas da comunicación e a creación cunha finalidade moi concreta: darlle voz a quen non a ten, informar sobre o que os medios moitas veces non recollen e mesmo asistir ás persoas máis desfavorecidas estean onde estean. Un dos últimos proxectos nos que se implicou a entidade foi o de contar desde dentro a crise das persoas refuxiadas e emprender varias accións -denominadas Proxecto Muros- que, por un lado, tentan axudar no posible a paliar a situación e, por outra, facerlle ver a Europa a verdadeira dimensión do problema. Agora van un paso máis aló e por iso programaron un evento solidario que terá lugar este sábado a partir das 18.30h. na Casa da Cultura de San Sadurniño. As entradas, a 5 euros.

Nel teremos música, humor, teatro e, en definitiva, cultura coa que recadar fondos que se destinarán integramente a financiar o traballo de todo tipo que desenvolve Causas Comúns en zonas como Lesbos ou Idomeni.

A mestra de cerimonias será a actriz Paula Morado, pertencente ao elenco da teleserie da TVG “Urxencia Cero”, na que interpreta á doutora Laura Montes. E como tal condutora do programa, deberá presentar e darlle paso a unha chea de actuacións certamente variadas.

No caso da música haberá tres propostas. A primeira será a do alumnado da escola de zanfona do Padroado de Cultura do Concello de Narón que titoriza o cempés Óscar Fernández. Despois chegará o country-blues en galego e en inglés de La Banda de Cletus, o grupo local da asociación Con Suma Conciencia que ofrecerá unha pequena escolma do seu repertorio. O apartado pecharao o coro do Aturuxo de Melpómene, unha agrupación naronesa que, igual que Con Suma Conciencia, toca distintos paus da arte, incluída a música. De feito, boa parte deles e deles participaron recentemente no videoclip de Caxade “E isto é o amor”, con dirección artística do factótum Leandro Lamas.

Da música, o evento de Causas Comúns saltará á escena e á oralidade con Pablo Sánchez e os seus “Contos de Pablismo” ou, como dí a sinopse do espectáculo, un desafío ao público para que conte cantos contos conta este especialista das historias faladas reviradas e sorprendentes. Sánchez pasaralle o testemuño á monologuista Silvia Romaus antes de asistirmos á representación das “Historias corrientes” por parte da agrupación teatral O Lar da Farsa, xurdida hai tan só un ano da escola de actores e actrices de Narón.

E para rematar, poesía con Silvia Pardo. Coruñesa de nacemento e pontesa de adopción, Pardo leva colaborando con grupos poéticos desde a súa etapa universitaria. Agora é unha das representantes máis activas do colectivo Alalá. O mar, a morte, a loita, “os azos de liberación para o meu povo”, son, segundo asegura “as liñas constantes” da súa poesía.

O peche do evento será cousa da xente de Causas Comúns, quen explicarán que traballo desenvolven a través desta asociación/ONG coa mirada posta na crise das persoas que foxen da guerra na procura de refuxio. Toda a recadación da tarde destinarase, precisamente, ao traballo de campo da entidade nas zonas onde o drama é máis patente, como é o caso das costas gregas ou a zona de ninguén que é Idomeni.

As entradas poderán mercarse na taquilla da Casa da Cultura por un prezo de 5 euros, aínda que tamén hai aberta unha Fila 0 a través da conta E S 1 2 – 3 1 8 3 – 1 5 0 0 – 9 3 0 0 – 0 1 3 8 1 0 2 0. Outra opción é colaborar coa entidade a través da súa páxina web,www.causascomuns.org.